Armariz é unha parroquia do concello ourensán de Nogueira de Ramuin situada xusto no límite deste concello con Pereiro de Aguiar e máis con Esgos.
A uns 17 km de Ourense (en torno a 15 minutos en coche), a parroquia de Armariz está formada por 11 entidades de poboación:
O nome Armariz provén de "Hermericus" ou "Ermenricus", rei dos suevos entre os anos 409 e 438, morrendo no ano 441 logo dunha longa enfermidade. O seu nome procede do xermánico común "Ermernreikaz" que significa "Gran Rei", sendo este un nome común na Alta Idade Media galega.
A primeira descripción sobre Armariz data de 1753, e aparece no Catastro do Marqués de Ensenada. Por aquel entón Armariz estaba dividida entre a xurisdicción de Santo Estevo de Ribas de Sil (que logo se convertiría no concello de Nogueira de Ramuin) e a xurisdicción de Pereiro. Por este motivo a nosa parroquia aparece tanto no "Interrogatorio de la fra de san hestevan de rivas del sil y sus agregados" coma no "Interrogatorio dela Villa de el Pereiro de Aguiar y fras comprendidas en dha jurisdición". Déixovos aquí un resumo de ambos para que coñezades como era Armariz naquel entón.
A seguinte referencia á nosa parroquia data de 1821-1822 e está recollida no libro "Concellos de Galicia" de Fariña Jamardo. Nel o autor dice que o "Ayuntamiento de Ribas de Sil" pertencía ó partido xudicial de Maceda e estaba formado por:
Campo e Faramontaos eran da xurisdicción de Pereiro de Aguiar. Armariz formaba parte do "Axuntamento de Armariz".
En 1836 o "Ayuntamiento de Ribas de Sil" convértese no "Concello de Nogueira" e en 1842 no "Concello de Nogueira de Ramuin". Xa en 1836 Armariz aparece como parte do "Concello de Nogueira".
Posteriormente, nun documento datado en 1845 e do que se descoñece a súa autoría (ainda que posiblemente sexa eclesiástica), aparece a nosa parroquia definida do seguinte xeito:
¿Que podes ver en Armariz? Pois témosche varias cousas de interese, algunhas delas ben coñecidas como a Reitoral ou a Igrexa románica e outras non tanto, coma o Castro da Bouza Fría ou o castiñeiro con maior circunferencia na súa cepa basal de toda Galicia (Xunta dixit, publicado no DOG num. 219, de 14 de novembro de 2006).
Imos comezar falando do Castro da Bouza Fría, por ser o máis antigo de todo canto podes ver na nosa parroquia á par que o máis descoñecido (ei de admitir que eu, tras 30 anos vivindo en Armariz, me enterei da existencia deste castro no transcurso da recolección de datos para esta páxina).
O Castro da Bouza Fría está ubicado na aldea de O Covelo, no monte entre esta aldea e Eiradela (como se pode ver no mapa).
A constancia da existencia deste castro debémoslla a Don Xabier Moure, a quen dende aquí me gustaría darlle-las grazas non só pola información que nos facilitou, senón tamén pola súa amabilidade ó atendernos.
Seguindo as indicaccións de Moure accedemos ó castro que, coma moitos outros que hai espallados por Galicia, tópase nun estado totalmente ruinoso, sen escavar e sen sinalizar. Pero efectivamente pódense observa-los seus restos.
Seguindo a orde cronolóxica temos que falar agora da igrexa románica.
Consagrada en honra a San Cristovo, aparece referenciada en documentos do século XII. Actualmente ten pranta e ábside rectangular (antigamente, nas súas orixes, contaba con unha sacristía na parte esquerda).
A fachada oposta, a poñente, mostra unha portada románica con arquivolta e baquetón, unha media caña e semiesferas ou "Bolas de Ávila". O tímpano, apoiado en sendas mochetas laterais, é liso. As arquivoltas descansan sobre capiteis e columnas adosadas. As paredes laterais están rematadas por canecillos.
A fachada, con un óculo circular, remata nunha espadaña de dous arcos coroada por un frontón de arco central. No ábside ábrense pequenos vanos que descansan sobre canecillo decorados con elementos antropomorfos, zoomorfos e fitomorfos.
Intimamente relacionada coa Igrexa e non moi lonxe da mesma tópase a Reitoral de Armariz.
Trátase dun edificio antigo, do século XIX, construido en sillería de granito. Parece ser que pertenceu ó Marquesado de Aguilar polas sinais que ten dunha antiga fortaleza.
No ano 1880 foi doado á igrexa e dende esa data ata 1999 foi residencia dos sacerdotes que rexentaron a parroquia de San Cristovo de Armariz. A comezos de 1999 comezou a súa restauración e en xuño de 2000 inaugurouse como casa de turismo rural pertencente ó grupo A.
Podemos destacar: teito antigo de madeira e pedra nas habitacións. As troneiras, patio central con un balcón sobre columnas de pedra e finca de 20000m2 con castiñeiros e carballos.
E, tamén relacionado coa Igrexa, ou, máis ben dito, coas crenzas relixosas, temos en Sáa un Peto de Ánimas que data de 1828.
Suponse que a orixe dos petos de ánimas remóntase á tradición romana. A maioría destas construccións datan do século XIX e metade do XX. Estes oratorios, situados nas encrucilladas dos camiños e na entrada e saída dos pobos, foron construídos como símbolo á relixión cristiá; a súa finalidade era gañar indulxencias a cambio de diñeiro que depositaban os doadores.
Xeralmente a construcción dos petos de ánimas é en granito e compóñense de dous corpos: o primeiro formado polo tronco (toro ou base) e o superior ou principal formado por un nicho e o relevo, rematado nunha cornixa onde se asentan dous pináculos e unha cruz central.
O Peto de Ánimas de Sáa é un peto de tipo pechado. Na parte alta había unha copa que contiña unha cruz, agora perdida, e acompañábase de dous pináculos piramidais que ainda conserva.
Carece de reixa de ferro e de retablo (os que posúe actualmente non son os orixinais) ainda que probablemente o tivese e fose de madeira policromada.
A seguinte construcción de importancia ou interese que topamos (seguindo a orde cronolóxica) é a Escola de Armariz. A Escola é de sobra coñecida por todos nós, pois é ese edificio que usamos como sede da Asociación de Veciños, biblioteca, local social, tanatorio..., pero non todos coñecemos a historia que hai tras dela.
Esta casa pertenceu a José Pérez Delgado, un rapaz que aló por 1879, cando contaba con 22 anos de idade, quedou horfo de pai e nai no mesmo ano (presumiblemente por causa dunha epidemia de gripe). Herdou as leiras de seus pais (algo máis de unha ducia) e optou por vendelas e construir un muíño que, naquel entón, causou admiración na comarca polo grande que era: a roda do muíño medía cinco metros de diámetro (o muíño en cuestión é o de Cachaboda).
A iniciativa tivo tal éxito que se encargaba de moer fariña para toda a comarca (disque ata había unha calzada para acceder ó muíño) e tamén tivo un forno.
José Pérez Delgado tivo un fillo, José Pérez Álvarez (coñecido como "Pérez-Delgado hijo") o cal decidiu aproveita-la forza xerada pola roda do muíño para serrar madeira; tivo unha pequena fábrica de mobles e unha tenda onde vendían os productos do forno (maiormente rosquillas).
José Pérez Delgado finou en 1909, tras o cal o seu fillo optou por arrenda-lo muíño, pechou os seus negocios e cedeu a súa casa para escola pública. Trasladouse a Ourense onde montou unha bodega de viños co nome de "Bodegas Pérez-Delgado".
Aproveitando a historia de José Pérez Delgado hai que incluir aquí a existencia dun peculiar negocio que funcionou en Armariz a comezos do século XX. Estouvos a falar da Fábrica de moedas falsas.
Esta fábrica estivo situada en Cardares e a ela acudían as rosquilleiras cando viñan mercar rosquillas ó forno de José Pérez Delgado. Aproveitaban para mercar tamén pesos falsos que logo utilizaban para darlle o cambio ós clientes nas feiras.
Nesa mesma época houbo outro negocio en Armariz do que non queda máis constancia que o que lembran os máis vellos da parroquia:
Na aldea de Castrelo, aló preto do río, estivo ubicada unha fábrica de pólvora. O único que se sabe dela é que estaba nun lugar chamado "Morigo" e que tivo que deixar de funcionar tras arder un carro cargado con pólvora na aldea de Santa Marta (preto de A Derrasa).
Como vos decía ó comezo, temos en Armariz o castiñeiro de maior circunferencia na súa cepa basal de toda Galicia (podado). O Castiñeiro en cuestión ten 16 metros de circunferencia e, a pesares de ser o de maior circunferencia de toda Galicia, non é o máis antigo (o cal se atopa en Manzaneda e ten 13,85 metros de circunferencia, coñecido como o castiñeiro de Pombariños; sendo o de maior circunferencia de Galicia non podado). Cito textualmente o DOG:
"Malia a abundancia de referencias históricas existentes sobre a antigüidade deste cultivo en Galicia, unha proba irrefutable deste feito é a existencia de numerosos castiñeiros extraordinarios polas súas dimensións, consecuencia da súa lonxevidade, repartidos ao longo da rexión. Estes exemplares constitúen un vivo testemuño da importancia que tivo ao longo da historia esta especie no desenvolvemento económico e cultural desta terra. Como exemplo podemos citar, entre outros, os castiñeiros de Catasós (Lalín) ou o de Verea, en Ourense, cos seus nove troncos talares que saen dunha cepa de 10 metros. Na parroquia de San Cristovo de Armariz, concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), hai un castiñeiro de 16 m de circunferencia na súa cepa basal.No municipio de Manzaneda (Ourense) atópase o castiñeiro non podado de maior circunferencia de Galicia, coñecido como o castiñeiro de Pombariños, de 13,85 m de circunferencia e máis de 1.000 anos de idade tal como foi establecido polos responsables do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia."
E, falando de castiñeiros, non se pode falar de Armariz e marcharse un sen mencionar o Souto do San Ramón.
Un souto por todos coñecido, antiga sede das festas do pobo e no que hai que destacar o que, a meu parecer, podemos considerar o emblema da nosa parroquia: A Fonte Do San Ramón.
Convidámoste a visitar Armariz e, para iso, querémosche ensina-lo que podes topar PRETO DE NÓS.